Saturday 18 de May de 2024

Aitor Bouza presenta a nova dirección do PSOE de Santiago: “escribamos novas páxinas de éxito para o socialismo compostelán, o PSdeG está de volta”


Proclamado na asamblea do PSdeG celebrada este sábado, integra nomes como o Delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco; a exconcelleira Marta Santullano ou Rosa Arcos.

O novo Secretario Xeral fixa como obxectivos potenciar a participación na agrupación para que o PSOE volte a ser referente para a cidadanía”

Bouza recibiu o apoio tamén do candidato do PSdeG á Xunta, Jose Ramón Gómez Besteiro, o secretario xeral, Valentín González Formoso e o provincial, Bernardo Fernandez

Proclamada tras ser a única candidatura presentada, a nova dirección do PSdeG en Santiago encabezada por Aitor Bouza inicia o camiño para que o PSOE “volva a ser referente para a cidadanía”. Avogado e profesor de dereito, Bouza presentou este sábado a Comisión Executiva Municipal (CEM) coa que busca escribir “novas páxinas de éxito para o socialismo compostelán”.

Convencido de que o PSdeG pilotou “a gran transformación de Santiago” da man de Xerardo Estévez e Sánchez Bugallo, Bouza amósase orgulloso do legado do partido “que máis se asemellou aos composteláns” e decidido a pilotar a construción dun proxecto renovado “no que se mesturan caras novas con experiencia e solvencia”: “o PSdeG de Compostela está de volta”.

Nun acto ao que acudiron representantes do tecido asociativo e empresarial de Santiago, Bouza recibiu o apoio do secretario xeral dos socialistas que apoiou que destacou a súa capacidade de “unir, escoitar e construír” un proxecto que, apuntou Bernardo Fernández, “está chamado a recuperar a confianza da cidadanía desta cidade”. Tamén o candidato do PSdeG á Xunta, José Ramón Gómez Besteiro tendeu a man ao novo secretario local: “tedes o meu apoio e o de todo o partido”.

“Soñemos cunha Compostela de futuro cunha actitude construtiva”

Lembrando o momento no que se afiliou ás xuventudes do partido, con tan só 15 anos, Bouza recalcou o poder da política como ferramenta para que a sociedade “avance”. Neste sentido, e apelando directamente á militancia e á cidadanía compostelá, fixo un alegato a soñar “cunha Compostela de futuro”.

“Queremos construír un novo proxecto da man da veciñanza” explicou o secretario xeral dos socialistas que animou á cidadanía a “sumarse e colaborar” nun “proxecto aberto”. Neste sentido, quixo reivindicar o papel do PSdeG na oposición nun rol “responsable” e construtivo”.

Bouza non aforrou en críticas a oposición “destrutiva” do Partido Popular fronte a unha oposición “esixente” que se comprometeu a seguir aplicando desde o diálogo co bipartito. Amosou ademais a “disposición absoluta” dos socialistas a negociar co goberno local os próximos orzamentos municipais pero sen dar “un cheque en branco”: “non imos apoiar uns orzamentos que non defendan os intereses da veciñanza”.

“Nós queremos ser parte da solución para resolver os grandes temas da cidade e non parte do problema” asegurou o novo líder dos socialistas que lembrou ademais o “bloqueo” que tiveron que padecer por parte da actual alcaldesa no pasado mandato.

“Estou convencido de que, despois de todo ese gran traballo e de estar catro anos ao carón da xente volveremos a ostentar a alcaldía desta gran cidade que é Santiago de Compostela” foron as últimas palabras de Bouza nun acto no que estivo arroupado tamén polo candidato do PSdeG á Xunta, Gómez Besteiro, o exalcalde, Sánchez Bugallo, a deputada por Santiago, Noa Díaz e máis cargos do PSOE en Galicia.

Comisión Executiva Municial

Aitor Bouza Manso. Secretaría Xeral e Política Municipal

Avogado de formación e profesor de dereito, é asesor xurídico do grupo socialista no Parlamento. Defínese como galeguista, socialista e feminista, foi secretario xeral das Xuventudes Socialistas en varias etapas ata o 2019 e actualmente é o presidente do Comité Galego Arbitral da Federación Galega de Natación.

Marta Álvarez Santullano. Vicesecretaría Xeral.

Licenciada en dereito e avogada en activo, foi concelleira no Concello de Santiago desde 2003 ata 2015, converténdose na primeira e única muller voceira do PSdeG en Santiago.

Laura Requejo González. Secretaría de Organización, Administración e Acción Electoral

Implicada en diferentes movementos asociativos, formou parte da Plataforma Feminista Galega e da Plataforma SOS Sanidade Pública de Compostela. Actualmente ocupa un cargo na directiva da Asociación de Mulleres Rurais ‘A Casiña Artesanal’. Hixienista bucodental de formación, foi avaliadora de SocialMedia durante máis de 6 anos. Desempeñou diferentes cargos primeiro nas Xuventudes Socialistas e, despois, no PSdeG.

Rosa Arcos Caamaño. Secretaría de Igualdade, Políticas Sociais e Maiores

Feminista e sindicalista, forma parte dende 1986 de Unións Agrarias. É promotora e socia fundadora na constitución da Federación de Asociacións de Mulleres Rurais, tanto a nivel de Galicia como do Estado da que foi presidenta ata o 2006. Afiliada ao PSOE dende o ano 1990, forma parte da CENG como secretaria de Desenvolvemento Rural e traballa actualmente como asesora no gabinete da Subdelegación do Goberno na provincia de A Coruña.

Isabel Gómez Cambón. Secretaría de Participación Cidadá, Veciñanza e Medio Rural

Nada en Val do Dubra e actualmente veciña da Gracia, é membro da Xunta Directiva da asociación veciñal da súa parroquia. Filla de migrantes, a súa vida laboral pasou por un centro de menores e pola rama administrativa da sanidade, traballando actualmente nunha instalación deportiva municipal. Participa activamente na Semana Santa compostelá, sendo a nai maior da Cofradía dos Dolores.

Isaac Buergo Almirón. Secretaría de Formación, Ideas e Programas e Memoria Histórica

Politólogo de formación, a súa experiencia profesional baséase na xestión de proxectos de cooperación internacional ao desenvolvemento. Iniciou a súa militancia no asociacionismo xuvenil por unha educación digna e de calidade para despois pasar a militar na Xuventude do Partido País Solidario, partido fraterno ao PSOE, onde se encargou das relacións internacionais. Foi delegado da Internacional Socialista de Mozos IUSY en varios espazos internacionais de Iberoamérica.

Begoña Rodríguez Rodríguez. Secretaría de Medio Ambiente, Transición Ecolóxica e Axenda 2030

Funcionaria do corpo superior da Xunta de Galicia na escala químicos dende o ano 1995, participa activamente do tecido asociativo de Santiago, vencellada a causas sociais e, actualmente, con participación activa na Asociación do Traxe Galego. Foi concelleira de Medio Rural durante o pasado mandato.

Francisco Javier Cardama Santiago. Secretaría de Educación, Universidade, I+D+i e cultura

Graduado en Enxeñería Informática con premio extraordinario pola USC é, actualmente, doutorando no CiTIUS con estudos sobre a computación cuántica. Ademais, ten un profundo interese polo mundo educativo e a divulgación científica.

Antonio Llovo Guillán. Secretaría de Emprego e Promoción Económica

Con experiencia de máis de 36 anos como técnico administrativo na empresa Televés da que é delegado de persoal pola UXT e membro do comité de empresa. Veciño do barrio das Fontiñas, estivo 10 anos traballando na Sociedade Deportiva Compostela e foi presidente da Xunta de Confrarías de Santiago.

Gabriel Rama Rodríguez. Secretaría de Deportes e Políticas Saudables

Veciño da Choupana (Santa Marta), forma parte do tecido deportivo de Compostela desde mozo. Leva case unha década como adestrador de equipos base e senior. É actualmente o vicepresidente dun club deportivo.

Pedro Blanco Lobeiras. Secretaría Executiva.

Actual Delegado do Goberno en Galicia, é licenciado en Dereito pola USC e profesor de dereito laboral na Escola de Práctica Xurídica. Foi asesor da consellería de Traballo da Xunta de Galicia durante o goberno de Pérez Touriño e leva máis de tres décadas na asesoría xurídica de UXT.

Jesús Peón Otero. Secretaría Executiva.

Con máis de 40 anos traballando no sector da restauración, foi secretario da Asociación de Hostalaría de Santiago. Coñecedor do tecido empresarial da cidade, é o actual xerente do Sónar aportando ademais, a perspectiva dos programadores culturais.